in

Xira presentación do libro-disco de 30o
Aniversario “CAMIÑO LONGO”

Tras dous anos de parada forzosa, Treixadura celebra no ano 2022 o seu 30o Aniversario presentando un novo disco, e o mellor xeito de festexalo é con todo o seu público; tódolos miles de seguidores que ao longo destas tres décadas os acompañaron de xeito incondicional. O grupo de gaiteiros que formaron Treixadura no 1990 poden ver, 32 anos despois, como o seu proxecto de música tradicional chegou converterse nunha auténtica institución en Galicia.

Os concertos de Treixadura ao aire libre son un gran espectáculo de música tradicional cun despregamento de luz e son de alto nivel. En interiores adaptámonos as condicións do

local aportando o equipamento que este precise para optimizar o espectáculo.
A duración do concerto é de 90-100 minutos, precisando, ademais, de unha hora e media para probas de son e luz.
Como concertos especiais e destacados podemos mencionar, no ano 2017, o celebrado na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela o día 30 de xullo, con motivo das Festas do Apóstolo, no que Treixadura convidou ao Coro Cantigas e Agarimos e, a maiores, á Banda de Música Municipal de Santiago.
No seguinte enlace pódese ver unha panorámica de 360o deste concerto:
http://s3.eu-central-1.amazonaws.com/asestelo360/treixadura/index.html. No ano 2019, entre os case 30 concertos realizados, destaca o que encheu a Praza de Ma Pita da Coruña, celebrado en colaboración coa Banda de Música Municipal, con motivo das Festas de María Pita: https://www.facebook.com/treixaduragalicia/videos/703308490111750/.
Na xira do ano 2022 ofrecemos a posibilidade de levar como artista convidado ao arpista fundador do grupo Milladoiro, Rodrigo Romaní, que participou no disco “Camiño Longo”. Consultar condicións.

OBSERVACIÓNS:
-O grupo solicita un lugar para cambiarse con capacidade para unhas 20 persoas e a cea ou un refrixerio para 25 persoas, que poderá ser no mesmo camarín ou onde o organizador dispoña.

-O grupo pode aportar os carteis que se precisen (100-150-200…) para anunciar o concerto en medidas de 50×70 cm e tamén de 35×50 cm. Os carteis son xenéricos e NON indican lugar, día e hora.

-O grupo precisará dun lugar axeitado para a venda de discos con unha mesa e luz.

ESCENARIO: O escenario deberá ser amplo para poder montar todo o equipamento técnico e movernos con certa comodidade. As características do escenario e toma eléctrica que o grupo precisa pódense aportar cando se nos soliciten. O escenario será por conta do organizador.
Escenario recomendado: Habitualmente Treixadura emprega escenarios de remolque distribuídos pola empresa ODL-Inverymusic e que teñen as dimensións e características adaptadas ás nosas necesidades. O seu contacto é Juan Castaño 629020784-986556371.
En caso necesario contactalos da nosa parte. Inverymusic ofrece un prezo moi competitivo para os concertos de Treixadura. Quede constancia que nós non temos ningún beneficio por levar este escenario máis que o feito da tranquilidade que nos dá saber que é adecuado para nós. Calquera outro que reúna as condicións requiridas válenos igualmente.
O camión cos equipos técnicos de Treixadura debe poder chegar ao escenario para descargar directamente sobre el (ten plataforma elevadora). En caso contrario o organizador proverá do persoal e medios precisos para o seu transporte ata o escenario e igualmente na recollida.
Unha última indicación: o público de Treixadura é de tipo familiar e por ese motivo non convén que o seus concertos se programen a horas intempestivas. Temos por norma non iniciar os concertos moi tarde (varía entre as 22:00 e as 23:00 h, segundo os meses do ano).
No caso de haber máis grupos (na festa ou festival) Treixadura non pon ningún
inconveniente sempre que se respecten os horarios indicados. Nestes casos Treixadura prefire sempre actuar en primeiro lugar. BREVE HISTORIA:
Dende 1990 Treixadura constitúe un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.
Durante este tempo o grupo foi modelando o seu camiño, transformando o estilo, pero sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, elevando a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico.
Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.
Foron anos de gravacións e concertos, 8 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas con outros artistas, como Rodrigo Romaní, Kepa Junkera, Leilía, Quico Cadaval, Tanxarina, Donicelas ou Pedraquetiña, e compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

Os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas de música populares; que permanecen en nós desde a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e cancioneiros… son e serán a inspiración da música de Treixadura.
Treixadura ao vivo constitúe un gran espectáculo de luz e son con 15 artistas no escenario compartindo as súas emocións co público, ao que fai partícipe e protagonista do seu espectáculo, resultando un gran coro formado por público e artistas, intercambiando as súas emocións e gozando da forza da nosa música.
O pouso que a música de Treixadura foi deixando ao longo destes anos no sentir do pobo fixo que hoxe sexa degustada polo numeroso público que asiste aos seus concertos, froito das miles de copias vendidas de toda a súa discografía.

O grupo Treixadura está formado por:

Toniño López: Tambor e pandeireta.
César Longa: Acordeón.
Paulo Nogueira: Gaita e percusións.
Magoia Bodega: Gaita e bombo.
Xaquín Xesteira: Gaita e percusións.
Orfeón Treixadura (10 voces):
Tenores: Alberte Raposo, Toño D. Fontenla e Anxo Xesteira.
Barítonos: Antón Cabaleiro, Pablo Rei, Xurxo Raposo, Pablo Chouza e Quico Obelleiro.
Baixos: Álvaro Lamas, Gustavo Cuntín e Roi Xesteira.

Treixadura foi galardoado nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax, entregados en decembro de 2013, como o Mellor Grupo de Música Tradicional Galega.

En 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística pola súa exquisitez no tratamento musical e escénico do noso folclore e o seu traballo a prol darecuperación da música tradicional galega.

 

Mauricio Severo, premio a la mejor canción en los Afro Latin 2022

Osvaldo Supino gana el premio “Artista revelación del año”